30/4/09

Vaia día!!

Hoxe foi un día moi especial no noso cole. A emoción respirábase no ambiente... Ás doce estaba prevista a visita do Alcalde de A Coruña, Don Javier Losada. Viña inaugurar as obras do futuro patio cuberto pero tamén, e non menos importante, para que lle presentásemos a nosa biblioteca, "Xanela" e a súa mascota, Lusca, unha visión libre da coruñesa Torre de Hércules. Recibírono as clases de 5º e 6º que lle leron unha carta de benvida. Na hora que estivo con nós tivo tempo de falar con moitos dos alumnos e alumnas de varios cursos xa que fixemos unha visita polas instalacións. Algúns dos pequenos non o podían crer! Esta noite, ás 21:30 horas podedes ver a reportaxe en Localia. Por certo, logo de presentarlle ao alcalde o noso blog, el tamén nos falou do seu, Blog de Javier Losada


Pero o día non acabou aquí. A continuación, estaba prevista a visita do escritor Fran Alonso, autor do libro "Cidades" que estivemos lendo na clase. Fran leunos moitos dos seus poemas e admirou os traballos que fixeramos ao redor do seu libro. Coma sempre, todos fixeron unha chea de preguntas pero quedaron moitas máis no tinteiro!

Nota: a reportaxe da TVG está prevista para o martes, 5 de maio. Ás 12:30 emitirán un avance e ás 13:20 a reportaxe completa. No programa "A revista". Avisade na casa!

26/4/09

Un agasallo!!


Esta semana recibimos un agasallo dende o blog "Xogos populares", do CEIP Manuel Masdías, o premio "Olha que blog Maneiro". Agradecemos esta mención e poñemonos mans á obra, temos que indicar e seguir as normas do premio que son as seguintes:
  • Dicir o nome do blog que enviou o premio
  • Exhibir a imaxe do premio
  • Indicar os teus dez blogs.
  • Avisar aos indicados.
  • Publicar as reglas.
  • Comprobar que os blogs indicados sigan as reglas.

Nós pasamos o premio a:
Pasiño a pasiño
O blog de aula de Luís
Besbello Tic
Facemos música
Tictictic
La clase de 5ºA
Ensino en galego
bicarelo
Digochoeu!
Pasa páxina

Grazas de novo!

20/4/09

POESÍA, POESÍA,POESÍA!


Este trimestre imos falar de poesía. Empezamos polo libro "Cidades". O seu autor, Fran Alonso, ofrécenos...

5 MOTIVOS PARA LER POESÍA

  1. A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.
  2. A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, musicar, rapear, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar, e relaxa ás persoas. E serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.
  3. Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos, manosealos, lelos, cerralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira, e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademais, a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.
  4. A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.
  5. O importante da poesía non é obsesionarte por descifrala senón saber gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En fin, facer da poesía un pracer.
E vós... Qué pensades?

18/4/09

Outro blog dende a nosa aula!


Agora é Alex o que nos presenta o seu novo blog. Alex foi dos primeiros da clase en meterse nisto da creación de blogs pero estivo facendo varias probas antes de dalo a coñecer. Agora tráenos "Aprende ben" e xa o seu título di moito das súas intencións. Parabéns, Alex!

3/4/09

E chegou o día... Con Isabel Freire!

Esta mañá todo eran nervios... Era o día previsto para a visita de Isabel Freire. As horas previas á súa chegada foron trepidantes: poñer os últimos carteis, ver que todo estivera no seu sitio, comprobar que tiñamos todos os libros para que os asinara, encuadernar o libro de relatos... En fin, unha chea de cousas por facer! E por fin chegou a hora. Penso que todos disfrutamos da dozura e do bo falar de Isabel; conversamos sobre a súa obra, as súas lecturas, as nosas, a amizade, o noso futuro... Ademais era o primeiro acto oficial na nosa nova biblioteca e penso que non disgustou a ninguén, xa nos contaredes. Isabel, con paciencia infinita, contestou todas as nosas preguntas, asinou todos os libros (tamén os da Biblioteca) e deixounos un cariñoso recordo no libro de visitas que hoxe estreabamos. Moitas grazas, Isabel e moitas grazas tamén a Darío, de Xerais, por argallar a xuntanza.
Ao rematar, a tristeza de pechar unha actividade, un ciclo... Foron moitas semanas traballando neste libro de Isabel e xa se fixera un pouco noso... Pero non vos preocupedes, collede forzas nas vacacións porque á volta nos esperan moitas sorpresas! Mentres tanto, recordade o momento vendo as fotos. Felices vacacións a tod@s!

2/4/09

Feliz aniversario, Andrea e Miguel!


Onte estivo de aniversario Andrea, cumpría 11 anos; e hoxe está Miguel, que cumpre 12. E aquí tedes unha foto de todos nós preparados para traballar na aula, a piques de crear un montón de aventuras do detective Bilbo Bons, personaxe do libro de Isabel Freire.

Parabéns, Andrea e Miguel!