19/2/13

Este blogue naceu en 2008 como unha ferramenta a utilizar cun grupo de alumnos de terceiro ciclo no CEIP Sanjurjo de Carricarte. Foron moitas as actividades que realizamos a través del e moitas as cousas que aprendimos, mestra e alumn@s,  sobre este mundo das novas tecnoloxías.
Foron dúas as promocións que pasaron por este caderno dixital e xuntos fomos aprendendo máis formas de traballar, de compartir, de elaborar... Moito enredamos!
No actual curso 2012/13 temos nova promoción pero tamén temos novas formas de traballar e como ben sabedes... Non se pode estar a todo! Polo tanto damos por rematada esta experiencia. Seguiremos enredando noutros espazos! Poderíamos ocultar este pero pensamos que moitos dos recursos que fomos acumulando poden ser de utilidade para alguén. 
Non descartamos abrir un blogue de novo pero seguramente tampouco sería este... Ou si, quen o sabe?
Dende aquí quero dar as grazas  a  todos aqueles alumnos e alumnas que participaron de mil maneiras distintas neste blog e que contribuíron a que avanzaramos no camiño.

Se queredes seguir en contacto con nós podedes facelo a través do blogue da biblioteca Xanela e/ou da páxina web do centro.

13/3/12

Presentacións powerpoint

Estes días estamos a preparar as nosas presentacións powerpoint ou openoffice sobre pintores galegos. Se queredes ampliar os vosos coñecementos sobre a técnica das presentación podedes ver os seguintes tutoriais.
Titorial parte I
Titorial parte II
Titorial parte III

Se estades a utilizar o programa openoffice, podedes buscar no apartado "etiquetas", na etiqueta "recursos TIC" o titorial correspondente.

20/12/11

Bo Nadal!


Aproveitade as vacacións para ler moito e descubrir algunha historia estupenda. Á volta, compartímolas!

25/10/11

Novo enlace para traballar as mates!






Un dos compañeiros novos que chegaron este curso, Carlos S, recoméndanos este enlace para traballar as matemáticas. Botádelle unha ollada e xa nos contaredes. Déixovolo tamén no apartado de xogos.

18/10/11

Unha chea de cousas por facer!

Estamos xa metidos en plena actividade na clase de Lingua Galega. Por un lado estamos a rematar os anuncios publicitarios da biblioteca Xanela, poñeremos os traballos no blogue en canto estean listos. Por outro, estamos en plena creación de contos de medo para o noso Samaín. E iso sen olvidar todo o traballo ordinario: fichas, actividades, lecturas...
Ademais, como xa sabedes, os martes, aproveitando que temos outra profe de apoio na clase, facemos dous grupos e mentres un deles vai á biblioteca para facer o préstamo dos libros o outro queda na clase e facemos unha actividade de expresión oral en galego. Está funcionando moi ben e penso que vos gusta moito ter a ocasión de falar nun grupo pequeno (9-10 rapaces e rapazas) sobre diferentes temas. Hoxe o debate deuse a partir dunha viñeta que vos presentei. As vosas opinións foron moi interesantes e como seguro que estivestes a pensar nisto logo de acabar, aquí vos deixo a imaxe. Por favor, facede comentarios expresando a vosa opinión ao respecto.

19/9/11

Empezamos de novo!

Xa estamos no cole outra vez! Atrás deixamos o verán, as horas de praia... Pero vimos con forzas para este novo curso que nos espera. Xa sodes alumnas e alumnos de 6º e iso impresiona, a verdade, hai que ver que maiores!
Temos que dar a benvida a un novo compañeiro no grupo, Carlos, que esperamos se sinta xenial no seu novo cole.
Polo de agora máis nada, xa iremos vendo! Estade atentos!

27/4/11

Investigamos a Ana Mª Matute, premio Cervantes 2010


O 23 de abril de cada ano, dende 1976, e coincidindo coa celebración do Día do Libro, fállase o Premio Cervantes. Este ano dito premio recoñece o labor literario de Ana Mª Matute, unha das nosas autoras máis prolíficas que ademais está considerada como unha mellores novelistas españolas da posguerra. Ana Mª Matute convértese na terceira muller en obter este galardón. Ten moitas novelas e contos que teñen aos nenos e nenas como protagonistas. Para máis información sobre ela, picade nos enlaces e disfrutade destes vídeos. Neste enlace podedes tamén ler con calma o texto íntegro do seu discurso na entrega do premio.

enlace á reportaxe na TVE
Na clase faremos un pequeno traballo de investigación sobre ela que teredes presentar en formato papel tal como explicaremos na clase.

16/3/11

Vai de falar...

Xa estamos metidos de cheo noutra actividade. Estes días andamos a preparar unha exposición oral. O tema seremos nós mesmos! Para axudarnos na nosa presentación utilizaremos as TIC´s (Tecnoloxías da información e Comunicación). Todos os rapaces e rapazas da clase andan na procura de imaxes que falen deles mesmos: da súa vida, dos seus desexos, das súas inquedanzas... Cando as teñades listas tedes que montar unha pequena presentación de diapositivas para a que podedes utilizar o powerpoint ou o openoffice.impress tal como vimos na aula.
Recordade que a exposición ten que ser en galego e durar entre 4-6 minutos. Practicade na casa!
Tamén é unha boa ocasión para que os pais e nais, avós, tíos, etc, pasedes un tempiño compartindo recordos, risas e traballo. Axudade aos vosos fillos a seleccionar as imaxes e a preparar o que poden contar, seguro que disfrutaredes!
E ollo!! O luns empezamos coas presentacións!

1/3/11

Imos de Entroido!



Xa chega o tempo das máscaras, dos choqueiros, dos peliqueiros, dos cigarróns... Na Coruña, en Laza, en Verín... En toda Galiza se respira xa o ambiente de festa! Pero o entroido é moito máis ca iso, ten a súa historia, e iso é o que imos aprender e investigar estes días na aula, aprender do pasado para mellorar o noso presente, o noso futuro.

Para facelo imos utilizar unha "caza do tesouro" elaborada polo CEIP Mestres Goldar de Vigo, "O entroido tradicional galego". Tomade boa conta das instruccións!

Cando rematedes podedes comprobar o que aprendestes no seguinte cuestionario en liña.
Nota para as familias: o traballo de investigación estase a facer na clase. Á volta das vacacións de Entroido teñen que traer o traballo rematado tal como se lles explicou.

ÁNIMO!

10/2/11

A auga dos bosquimanos


Como podedes ver nesta noticia de hai uns días, o problema da auga non é cousa do pasado, mirade o que lles pasa aos bosquimanos. Lédea con atención, tamén a traballaremos na aula.


19/1/11

O proxecto da biblio

Estes días estamos empezando a traballar no proxecto da biblioteca do noso cole. Xa sabedes que o tema é a auga. Na nosa clase traballaremos "A auga na literatura". Polo de agora estamos na procura de substantivos, adxectivos e verbos que teñan relación coa palabra "auga". Xa temos unha morea deles. Proximamente veremos de facer unha wiki con todo o traballo. Polo de agora tedes que ir buscando máis palabras e tamén todos aqueles poemas e contos nos que se fale da auga.
A semana que vén conmemórase tamén o Día Internacional da Paz e Non-Violencia e relacionándoo co tema do proxecto traballaremos o conflicto da auga no mundo. Non todos os países nin zonas xeográficas teñen a mesma sorte en canto ao reparto deste ben tan preciado. Neste enlace podedes ver as dificultades que teñen algúns pobos para acceder á auga potable
Polo de agora... Qué vos parecen as actividades que estamos a facer? Tedes algunha idea? Deixade os vosos comentarios.
Para empezar podemos ver este vídeo:

22/12/10

Bo Nadal!


Disfrutade destes días e collede moitas forzas para o ano que entra. Teremos moito que facer! Aquí vos deixo a felicitación de Nadal do centro, a imaxe é a postal gañadora de Educación Infantil de 5 anos, feita por Sofía Sanmiguel. A montaxe é grazas á profe Ana, da mesma clase.

30/11/10

Luces, cámara... Acción!!!

Aquí tedes as fotos do día da reportaxe para televisión. Foi unha boa experiencia. Tivemos na aula a Xan Leira, director da canle de TV por internet linguagalega.tv, e o cámara David (sinto non recordar o apelido). Fixeron unha reportaxe sobre cómo traballamos as TIC (Tecnoloxías da información e a comunicación) na aula. Tamén falamos do premio conseguido polos alumnos e alumnas do curso pasado coa súa wiki sobre a contorna da Torre de Hércules.
Deixade os vosos comentarios sobre a actividade!

26/11/10

Por fin... Os premios!

Unha ocasión estupenda para reunirmos de novo. O grupo de alumnos e alumnas premiado na pasada edición do Certame Educared A Navegar estivo no cole para recoller os seus premios. Foi unha xuntanza cariñosa e alegre como ben podedes ver nas fotos. Cada alumno levou un tablet PC e un diploma acreditativo da súa participación no Certame.
Noraboa a todos de novo! E xa sabedes, cando queirades... Aquí nos tedes!

25/11/10

25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe, 25 de novembro, é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Esta data foi aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999 a proposta da República Dominicana co apoio de sesenta países. O motivo que levou á República Dominicana a propoñer este día foi o terrible asasinato das irmás Mirabal que tivo lugar o 25 de novembro de 1960 por orde do dictador dominicano Trujillo.
Actualmente son moitas as mulleres que sofren violencia de xénero e moitas acaban mortas. Non hai máis que ver a prensa, a televisión ou a radio para comprobar que é un problema real e grave. Todos e todas temos a obriga de facer o posible para erradicar este cancro da sociedade. Un primeiro paso é facermos conscientes do problema e para iso nada mellor que estar informados. Enreda polos enlaces (a imaxe do lazo e as palabras subliñadas) e atoparás moitos datos.