18/12/08

Paredes vivas!

Xa rematou, polo de agora, a actividade do graffitti. As paredes semellan as páxinas dun conto... Que tal se vós poñedes as palabras? Quen son esas estrañas figuras no porche cuberto que nos saúdan polas mañás? Como chegaron todos estes personaxes ao noso cole? Que historia teñen? Mandade as vosas ideas á conta de correo do blog!

14/12/08

PARTICIPAMOS NO PROXECTO DA BIBLIOTECA

O noso centro participa no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2008/09 para o que se presentou un proxecto no pasado mes de xuño. O proxecto titúlase "Dende a biblioteca a todas partes... E volta!" Entre outras moitas actividades promovidas pola Biblioteca do centro destaca a investigación que todas as aulas levan a cabo sobre os diferentes países e/ou culturas de procedencia de moitos dos alumnos e alumnas do cole: Etiopía, Alemaña, Mozambique, Italia, o pobo xitano, Venezuela, Rusia, Uruguai... A clase de 5º curso investiga sobre a República Dominicana, país no que naceu Dailin, un dos alumnos da clase. Estes días estamos investigando cómo celebran o Nadal por aquelas terras. Para ir coñecendo este país enreda polos enlaces e disfruta das imaxes.

5/12/08

... E seguimos grafiteando!

As paredes do cole seguen cobrando vida. Agora os grafiteiros foron os rapaces e rapazas de 6º e 4º, dirixidos por Xan Eguia. Disfrutade das novas fotos e seguide pendentes porque isto aínda non rematou!
Ademais tedes un xogo novo no apartado "Para aprender xogando"; atopeino no blog "Cousas de primaria"

2/12/08

A ARTE DO GRAFFITTI

Esta mañá comezamos unha actividade xa prevista hai semanas, "grafitear"algunhas paredes do colexio. Puxémonos en contacto coa Concellaría de Cultura, a través de Carmen Vilariño, que nos falou de Xan Eguia, un pintor que xa ten experiencia en traballar con rapaces e rapazas o tema do graffitti en diversos obradoiros. O interesante era que ía traballar cos nenos e nenas de forma que serían eles os protagonistas da actividade. A pesar do mal tempo decidimos "tirar para diante" e hoxe comezamos polas paredes do porche dianteiro. A emoción palpábase no ambiente. Comezou quinto curso que ao longo da mañá foi baixando dividido en grupos. Hoxe era un día de moito frío pero as ganas e a ilusión impedían que traspasara as nosas roupas. Todo foron sorrisos e bo facer. Grazas a Xan por facernos de guía e á Concellaría de Cultura pola súa colaboración neste proxecto. Mañá continuaremos dando vida ás paredes. Iso si, recordade que unha cousa é a arte e outra moi distinta o vandalismo. Botade unha ollada ás fotos

25/11/08

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe, 25 de novembro, é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Esta data foi aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999 a proposta da República Dominicana co apoio de sesenta países. O motivo que levou á República Dominicana a propoñer este día foi o terrible asasinato das irmás Mirabal que tivo lugar o 25 de novembro de 1960 por orde do dictador dominicano Trujillo.
Actualmente son moitas as mulleres que sofren violencia de xénero e moitas acaban mortas. Non hai máis que ver a prensa, a televisión ou a radio para comprobar que é un problema real e grave. Todos e todas temos a obriga de facer o posible para erradicar este cancro da sociedade. Un primeiro paso é facermos conscientes do problema e para iso nada mellor que estar informados. Enreda polos enlaces (a imaxe do lazo e as palabras subliñadas) e atoparás moitos datos. Na clase traballaremos coa miniquest elaborada polo CEIP San Walabonso, de Huelva. Para comezar poder ver o seguinte vídeo:

23/11/08

DÍA DOS DEREITOS DOS NENOS E NENAS

O pasado 20 de novembro conmemorouse o Día dos Dereitos dos Nenos e Nenas. Foi nesa data, en 1989, cando se firmou un tratado internacional sobre os dereitos da infancia. Todos os países que firmaron este tratado comprometéronse a defender, respectar e divulgar os dereitos dos nenos e das nenas. Para saber máis sobre este tema pincha na imaxe da esquerda. Tamén podedes ver este vídeo que atopei no blog de "Sereas sen cadeas" titulado "Todos merecen un lugar"

19/11/08

Para reflexionar

NON CHAS QUERO, NON CHAS QUERO...

...Isto foi o que non dixo ninguén no colexio o pasado luns cando chegou o castañeiro. Este curso, por primeira vez, as castañas asáronse "in situ" por dous profesionais que, ademais de facelo estupendamente, derrocharon amabilidade con todos os que nos achegabamos ao seu carriño.
Despois de fartarnos de castañas mentras escoitabamos música pasamos á sesión de xogos: carreiras de sacos, chapa-castañas, parchís, o pano, a culler... O tempo acompañounos e o sol brilou toda a mañá. Unha ledicia para tod@s! O ano que vén, máis!
E a vós... Que vos pareceu a actividade? Que foi o que máis vos gustou?

16/11/08

E vós... En que andades a enredar?

Iniciamos aquí un novo camiño. Neste blog pretendemos dar a coñecer aqueles recursos que vaiamos atopando pola rede e que poidan contribuír ao noso traballo na aula. Aínda que a idea de crealo xorde da clase de lingua galega de 5º de Educación Primaria do CEIP Sanjurjo de Carricarte, non queremos nin debemos manternos á marxe de todas aquelas cousas que suceden ao noso redor, no cole, no barrio, na cidade e máis aló. Esperamos que se convirta nun espazo que desexedes visitar e no que vos guste enredar. ESTADES TOD@S CONVIDAD@S!