22/12/10

Bo Nadal!


Disfrutade destes días e collede moitas forzas para o ano que entra. Teremos moito que facer! Aquí vos deixo a felicitación de Nadal do centro, a imaxe é a postal gañadora de Educación Infantil de 5 anos, feita por Sofía Sanmiguel. A montaxe é grazas á profe Ana, da mesma clase.

30/11/10

Luces, cámara... Acción!!!

Aquí tedes as fotos do día da reportaxe para televisión. Foi unha boa experiencia. Tivemos na aula a Xan Leira, director da canle de TV por internet linguagalega.tv, e o cámara David (sinto non recordar o apelido). Fixeron unha reportaxe sobre cómo traballamos as TIC (Tecnoloxías da información e a comunicación) na aula. Tamén falamos do premio conseguido polos alumnos e alumnas do curso pasado coa súa wiki sobre a contorna da Torre de Hércules.
Deixade os vosos comentarios sobre a actividade!

26/11/10

Por fin... Os premios!

Unha ocasión estupenda para reunirmos de novo. O grupo de alumnos e alumnas premiado na pasada edición do Certame Educared A Navegar estivo no cole para recoller os seus premios. Foi unha xuntanza cariñosa e alegre como ben podedes ver nas fotos. Cada alumno levou un tablet PC e un diploma acreditativo da súa participación no Certame.
Noraboa a todos de novo! E xa sabedes, cando queirades... Aquí nos tedes!

25/11/10

25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe, 25 de novembro, é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Esta data foi aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999 a proposta da República Dominicana co apoio de sesenta países. O motivo que levou á República Dominicana a propoñer este día foi o terrible asasinato das irmás Mirabal que tivo lugar o 25 de novembro de 1960 por orde do dictador dominicano Trujillo.
Actualmente son moitas as mulleres que sofren violencia de xénero e moitas acaban mortas. Non hai máis que ver a prensa, a televisión ou a radio para comprobar que é un problema real e grave. Todos e todas temos a obriga de facer o posible para erradicar este cancro da sociedade. Un primeiro paso é facermos conscientes do problema e para iso nada mellor que estar informados. Enreda polos enlaces (a imaxe do lazo e as palabras subliñadas) e atoparás moitos datos.

17/11/10

Charla sobre a natureza.

Esta mañá estivo Miguel López na nosa clase para falarnos da natureza en Galicia. Miguel é o pai do alumno da clase do mesmo nome. Foi unha sesión que durou hora e media pero no por iso decaeu o interese da clase. Miguel falounos da paisaxe de Galicia, de cómo vivimos nun sitio moi especial e moi valorado en todo o mundo. Tamén de cómo a man humana modifica esa paisaxe. Aprendimos unha chea de cousas sobre a vexetación e a fauna da nosa terra. Incluso vimos cómo algunhas especies de flora que están en perigo de extinción en Europa, sobreviven en abundancia aquí.
Os nenos e nenas amosáronse moi interesados en todo o que nos contou e como había moitas máis cousas das que falar quedamos en celebrar outra xuntanza semellante.
Moitísimas grazas, Miguel, por compartir os teus coñecementos con nós!

11/11/10

Taller de mecanografía para nenos e nenas

Moitas veces temos falado da importancia que ten que aprendades a "teclear con todos os dedos" no ordenador. Moitas veces tamén o imos deixando e, a pesar de que temos programas instalados nos ordenadores do cole para practicar, non os utilizamos por preguiza ou falta de tempo.
Agora Ciberalia nos presenta unha oportunidade estupenda cun curso especialmente deseñado para nenos e nenas de 10 a 12 anos. Ciberalia é unha aula da Caixa Galicia que está na avenida Finisterre, adicada á formación en novas tecnoloxías. É certo que pilla un pouco lonxe do noso barrio pero penso que paga a pena. Faládeo cos vosos maiores a ver se se animan! E ten un custo moi económico!

2/11/10

APRENDENDO A NAVEGAR


Sempre que falamos das novas tecnoloxías (no tan novas xa), especialmente de internet, todos os pais e nais expoñen os seus medos a que os seus fillos manexen contidos non axeitados ou non saiban cómo comportarse neste medio. Como sempre o máis importante é o diálogo cos nenos e nenas para que saiban manexar esta ferramenta. Non serve de nada prohibir, o que temos que facer é educar no bo uso.

Atopei este blogue grazas ás compañeiras de Bibliotecas Municipais, Menores en red. Atoparemos consellos moi útiles e algúns instrumentos que poden servir de base para unha boa charla cos nosos rapaces e rapazas.

19/10/10

Xa recollimos o premio!




O pasado venres estiven en Madrid, invitada pola Fundación Telefónica para recoller o premio do XI Certame Educared. Recordade que un grupo de alumnos e alumnas de 6º do curso pasado elaboraron unha wiki sobre a contorna da Torre de Hércules pola que obtiveron o segundo premio do Certame.
O venres os docentes galardonados asistimos a varias sesións de formación sobre o uso de novas tecnoloxías e tamén participamos na gala de entrega de premios.

Hoxe sae a noticia tanto na Voz de Galicia como na Opinión de A Coruña. Picade nas imaxes para lelas.
Aquí vos deixo tamén o vídeo de presentación da gala,

Outros materiais (fotos, montaxes...) compartidos por asistentes á gala:
presentación collage
fotos
Máis fotos

20/9/10

UNHA NOVA ETAPA!


Uns rematan e outros comezan...

En xuño despedimos aos alumnos e alumnas de 6º, cos que se iniciou este blog. Houbo moitas lágrimas, non querían marchar! Pero tamén houbo moita alegría porque, entre outras cousas, marcharon coa noticia de ter gañado o 2º premio do Certame Internacional Educared no que participamos coa wiki "A contorna da Torre de Hércules".

Agora en setembro iniciamos nova andadura cun novo grupo, os rapaces e rapazas de 5º, todos eles con moitas ganas de aprender, de ler, de coñecer... De enredar!

Aquí os tedes para que os vaiades coñecendo.

14/4/10

CERTAME EDUCARED A NAVEGAR

Logo do éxito do curso pasado na edición do Certame Educared este ano non podíamos quedar sen concursar. Recordades a nosa wiki Xanelas? Canto deu que falar!
Este ano voltamos participar na modalidade de wiki. O tema será "A contorna da Torre de Hércules", xa que éste é o proxecto que estamos a traballar a través da nosa biblioteca escolar. Os nenos e nenas que configuran o equipo de traballo son David, Sara, Silvia, Rebeca, Dailin e Andrea Vázquez de 6º curso. Moitos ánimos para todos eles!

15/3/10

Novidades no blogue


Temos un apartado novo no noso blogue: un blogue auxiliar! Si, si, lestes ben, un blogue auxiliar. Neste novo espacio iremos "colgando" todos aqueles traballos dixitais que facedes na aula para que todos os poidamos ver. Chámase "Os nosos traballos". Tedes o enlace na barra da dereita e tamén no blogue da bibliteca.
Idea vista no "Blog de aula de Luis"

14/3/10

Máis sobre Elisa e Marcela

Mirade qué casualidade! No dominical de El País hai unha reportaxe sobre a historia de Elisa e Marcela que nós estamos investigando esta semana. Haberá algunha información nova que non souberamos? Botade unha ollada.

12/3/10

O VAGALUME DA TORRE

Hoxe celebrouse na Casa dos Peixes o acto de clausura do proxecto "O Vagalume da Torre". Alá nos fomos todos para disfrutar cunha chea de compañeiros. Vimos as torres que fixeron os demais colexios, cantas cores! Tamén disfrutamos da música e construímos entre todos, alí mesmo, outra torre símbolo do noso compromiso con ela. Os encargados de ler o manifesto foron un neno e unha nena do noso cole, Andrea Vázquez e Marcos, que estaban un pouquiño nerviosos pero o fixeron estupendamente. Queremos agradecer dende aquí a María Castelo, directora da Escola Obradoiro da Contorna da Torre de Hércules, a Raúl Velloso e a Mario que contaran con nós para esta actividade tan divertida e que tanto nos une ao noso contorno máis cercano.

9/3/10

Elisa e Marcela


Con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, e relacionado co proxecto de biblioteca o noso centro decidiu investigar varias mulleres coruñesas que tiveran relevancia ao longo da historia. Cada aula escolleu unha muller e... Nesas andamos!
Na nosa clase enterámonos dunha historia que chamou a nosa atención e alá fomos. Trátase da historia de Elisa e Marcela, dúas mulleres que aló polo ano 1901 decidiron casar. Foi o primeiro matrimonio homosexual do que se ten noticia e non lles foi doado. Se queredes saber máis picade nos enlaces.

24/2/10

XI Certame Educared A Navegar

Xa saiu a convocatoria do Certame Educared no que concursamos o curso pasado e obtivemos o 2º premio na categoría de wikis pola nosa "Xanela". Ide pensando temas para incluír nos nosos traballos! Ou é que non queredes participar? Xa me iredes dicindo porque a vosa ilusión é fundamental para este proxecto que tantas gratificacións nos deu estes últimos meses.
Con motivo da convocatoria entrevistáronme para Radio 5, no programa 5.0 que se emitiu onte á noite. Aquí vos deixo o enlace. A entrevista comeza no minuto 20:45 aproximadamente.

Entrevistamos a Enrique Dans por su nuevo libro "Todo va a cambiar" (5.0)

9/2/10

NOVO BLOGUE!


Elena Bauluz, profe de Educación Física no CEIP de Sigrás, lanza este novo blogue sobre "Cousas de Educación Física" para ir ilustrando todo o que fai nas súas clases. Seguro que lle sacades partido!

8/2/10

O vagalume da torre!

A escola-obradoiro da contorna da Torre de Hércules, a través da Concellaría de Turismo e Emprego, propúxonos unha nova actividade: "O vagalume da torre". Participan sete centros da cidade de A Coruña e está destinada ao alumnado de 6º curso. Nós apuntámonos encantados xa que está moi relacionado co tema que estamos a traballar para o proxecto da biblioteca.
A idea principal é coñecer a importancia da Torre na nosa cidade... Que pasaría se a torre desaparecese?
O vernes tivemos a primeira sesión. HOubo tres obradoiros: no primeiro tiñamos que pintar unha gran torre de Hércules baixo a dirección do pintor Raúl Velloso, no segundo faciamos unhas postais para enviar a un concurso e no terceiro, finalmente, participabamos nun blogue que a organización creou, O vagalume da torre. Non vos perdades os comentarios dos nenos neste último.
A actividade desenvolveuse estupendamente e todos os nenos e nenas disfrutaron moito dos diferentes obradoiros. Aínda nos queda outra sesión pero o gran día será o 12 de marzo cando se xunten todas as obras na Casa dos Peixes.

2/2/10

VISITA Á BIBLIOTECA

Esta mañá estivemos na Biblioteca Municipal. Fomos para conseguir o noso carné de exploradores da información. Xa antes na clase estiveramos aprendendo unha chea de cousas sobre cómo están organizados os libros nas bibliotecas. Aprendimos que o sistema de organización chámase Clasificación Decimal Universal (CDU) e que esta divide os libros en diferentes categorías segundo o tema do que traten. Tamén aprendimos a consultar o catálogo en rede das Bibliotecas Municipais e participamos coas bibliotecarias nunha serie de actividades moi divertidas.
Para rematar trouxemos un libro cada un para o cole gracias ao préstamo de aula.
Unha xornada estupenda!

30/1/10

REPORTAXE NA TVG

Hoxe emitiuse a reportaxe que a TVG gravou esta semana no noso cole con motivo da entrega de premios do Certame Educared A Navegar. Os nenos e nenas da clase falan sobre as súas sensacións cando fomos recoller o premio a Madrid e explican cómo utilizan as TIC´s no seu día a día na aula.
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

29/1/10

CANTAMOS EN GALEGO

O noso centro tivo a sorte e o privilexio de poder contar coa visita do grupo Cántigas de Terra que leva máis de 90 anos mantendo viva a tradición musical da nosa Galicia. Onte trouxéronnos un cachiño do seu traballo e a verdade é que nos deixaron con ganas de máis.
Participou nesta actividade o alumnado de 3º ciclo, 5º e 6º, e non só tivemos ocasión de escoitar as súas marabillosas voces, aturuxos incluídos!, senón que ademais compartiron con nós unha chea de información ao redor da súa música: faláronnos dos diferentes instrumentos (tamboril, pandeiro, gaita...), da historia das cancións, das diferentes estructuras musicais (maneo, alalá, pandeirada e foliada), ensináronnos vocabulario (galéon, pana, traíña, carneiros...), contáronnos de onde viñan as letras... Ata de pintura nos falaron! Todo cunha paciencia e un trato exquisito a todos os nenos que disfrutaron un montón tamén cantando todas estas pezas que datan dos primeiros anos do século XX e que forman parte do arquivo do grupo.
Esta actividade estase a desenvolver grazas á iniciativa do grupo Cántigas da Terra e a Concellaría de Normalización Lingüística de A Coruña.
E a vós, rapaciños... Que vos pareceu?