11/12/09

ENTREGA DE PREMIOS

Onte pasamos o día en Madrid, tal como xa vos anunciaramos. Fomos á entrega de premios do X Certame Educared A Navegar da Fundación Telefónica para recoller o segundo premio na categoría II da modalidade "wiki", pola xa tan nosa "Xanelas". Foi un día moi longo pero que se nos fixo moi curto. Compartímolo con outros 78 equipos de traballo que tamén obtiveran algún premio nalgunha das diferentes categorías, seleccionados entre os máis de 800 equipos de traballo presentados ao certame. O noso foi o único grupo de alumnos galegos premiado (había tamén tres mestres doutros puntos de Galicia premiados na categoría de "Experiencias didácticas") así que nos sentimos moi orgullosos de poder representar ao noso centro entre tantos outros que alí había de diferentes puntos de España.
Alejandro, Andrea Castro, Andrea Villa, Brais, Marieta e Zineb (a nosa wiki-rapazada) e eu mesma sentímonos moi felices de ter vivido esta experiencia na que compartimos tantas cousas. Tamén agradecemos moito o apoio mostrado por todos os compañeiros e profes do cole.
Desde aquí, ademais, queremos agradecer o apoio que tivemos en todo momento da oficina do certame en A Coruña, tanto para aspectos técnicos como humanos.
Aquí vos deixo a reportaxe. Tamén podedes entrar aquí e ver un par de fotos publicadas na páxina de telefónica.

9/12/09

Marchamos a Madrid!

Mañá, xoves, 10 de decembro, marchamos a Madrid para asistir á entrega de premios do X Certame Educared A Navegar da Fundación Telefónica no que obtivemos o segundo premio na categoría de wikis con Xanelas. Sairemos ás 8:35 da mañá en avión... Si, si, lestes ben, en avión! Para algúns do grupo será a primeira vez que utilicen este medio de transporte así que vos podedes imaxinar, entre iso, a emoción do premio, os nervios da viaxe... Estamos que non cabemos en nós!
Á volta contarémosvos cómo nos foi. Regresaremos no avión das 9:35.
POr certo, podedes ver as fotos do contacontos do outro día no blog da biblio, Xanela.

29/11/09

Presentacións con openoffice

Estes días estamos traballando coas presentacións de diapositivas nas clases. Na aula estamos utilizando o powerpoint que é de microsoft pero moitos de vós na casa ( e tamén nalgúns ordenadores do cole) tedes o impress de openoffice. Aquí tedes un sinxelo titorial para aprender a utilizalo.

20/11/09

Día dos dereitos da infancia

Vaia sorpresa! Entro en Enredando coa idea de facer unha entrada sobre este tema e resulta que teño un correo de Andrea Castro invitándome a entrar no seu blogue, "Tic, tac, toc". Vou e... Atopo o traballo feito! Así dá gusto!
Esta mañá, na clase de galego, estivemos vendo un vídeo (nas entradas antigas de Enredando) e lendo un texto sobre os dereitos dos meniños e meniñas. Pois Andrea xa se adiantou e puxo todo no seu blogue. Só tedes que ir alí e ler toda a información.
Para ver o enlace do curso pasado, podedes ir a "etiquetas" na barra da dereita deste blogue e picar sobre "nenos" ou "dereitos", tal como explicamos na clase.

12/11/09

Enquisa sobre a utilización dos medios


Esta maña tivemos algo especial no cole e quero felicitarvos polo voso excelente comportamento durante a actividade. Alba e Miguel, traballando para a Universidade de Vigo, viñeron facer unha enquisa sobre a utilización que facemos dos medios audiovisuais. Están facendo a enquisa en moitos coles da cidade e agora comezarán con algún dos arredores. A verdade é que a actividade nos veu moi ben porque era un tema que xa traballaramos hai unhas semanas na aula e xa de aquela viramos que pasabamos demasiadas horas diante do televisor, por poñer un exemplo, e o que é peor, dándonos igual o que poñan, ver a televisión por aburrimento. Non se nos ocorrerán mellores cousas en que empregar o tempo? É posible outra forma de ver a televisión? Aportade as vosas ideas, por favor.
En canto á enquisa esperamos ver os resultados!

10/11/09

Blogue en inglés


Unha profe de inglés, Luz Pérez, do CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo ten un blogue moi interesante para traballar cos seus alumnos. Penso que vos poden ser útiles moitos dos seus enlaces ademais de que poderedes practicar a lectura nesa lingua. Aquí tedes o enlace.

5/11/09

Día do Peón


O vindeiro 11 de novembro celebraremos no cole o Día do Peón. Recordades o ben que o pasamos o ano pasado? Para que vos vaiades poñendo en situación aquí vos deixo este enlace. Non vos perdades o vídeo sobre a elaboración do peón, é moi interesante.

3/11/09

O son da chuvia

Nestes días de outono, que aínda que preguiceiro vai chegando, dá gustiño quedar na casa e escoitar o son da chuvia petando nas ventás. Xa... Xa sei que aínda non chove moito!! Pois disfrutade deste vídeo. Se pechades os ollos e escoitades tal parece que caen chuzos! Pero mirádelo tamén outra vez cos ollos ben abertos porque é unha marabilla.

30/10/09

A nosa clase no Samhaín!

Aquí vos queda unha fotiño da visita á exposición de cabazas. Para máis información sobre o día podedes ir ao blogue da biblioteca, Xanela.

29/10/09

O preguntoiro


Unha páxina onde podedes comprobar cantas cousas sabedes sobre unha chea de temas. Xa me contaredes cómo vos vai.

27/10/09

Practicamos coa lingua castelá

Moito falamos na clase sobre cómo se escribe isto ou o outro, que se con "v" ou con "b", que se en galego é dun xeito e en castelán doutro, que agora unha palabra significa unha cousa e logo outra... Aquí tedes un enlace a unha páxina de actividades para practicar a lingua castelá, sobre todo o vocabulario. Non olvidedes deixar un comentario sobre qué vos pareceu.
Tamén volo poño na barra de navegación da dereita.

13/10/09

A historia do galego



Xa sabedes que estes días estivemos falando da orixe da lingua galega. Fixestes moitas preguntas sobre cómo empezou, onde, cómo foi evolucionando... Aquí vos deixo un enlace onde unha nena, Rosalía, vainos guiando e explicando unha morea de cousas; só tedes que picar na imaxe. Lede con atención e fixádevos tamén nas posibilidades que ofrece a páxina: índice, "para saberes máis", etc. Ao mesmo tempo que ledes, se tedes algunha dúbida, podedes tomar nota nun "google docs" e logo facemos unha posta en común. Tamén vos agradecería que deixárades comentarios sobre qué vos parece o enlace, se dá información clara, se vos resulta complicado...

5/10/09

"Xanelas", 2º premio estatal


Cun pouco de retraso poñemos en marcha novamente o blog pero iso si, cunha moi boa noticia: Xanelas, a wiki que elaboramos o curso pasado para o concurso "A navegar" da Fundación Telefónica levou o 2º PREMIO ESTATAL!!! Parabéns ao grupo de alumnos e alumnas participantes! Aquí vos deixo o enlace de novo, para que refresquedes a memoria. Agora temos que seguir traballando no proxecto e sacarlle todo o partido posible. Estamos á espera de que nos notifiquen cando e onde será a entrega de premios.

24/6/09

Final de curso!

Pero que inactivo que estivo o noso blog este último mes! A cousa é que foron pasando os días sen que nos decatásemos: ensaios, excursións,traballos para a revista do cole, papeleos,rematar cousiñas da biblioteca, probas finais... Cantas horas, cantas tardes viñestes ao colexio para colaborar! Por iso tedes ben merecido o descanso. Disfrutade deste verán que comeza, collede moitas forzas... Que en nada estamos de volta! Entre praia e praia non olvidedes que unha boa lectura fai marabillas. Feliz verán a tod@s!

2/6/09

Xa temos podcast!

Xa tiñamos ganas de ter un reproductor de arquivos de son no noso blog. Comezamos coa selección de poemas que fixemos para recitar no Festival das Letras Galegas. Todos teñen unha temática común: a emigración. Non volos perdades!

O reproductor está na barra de navegación lateral, podedes movervos polos arquivos coa barra de desprazamento ou coas flechas da parte superior.

1/6/09

O traballo da wiki-rapazada!

Déixovos o enlace á wiki que elaborou un equipo de alumnos e alumnas da clase. Eles son: Alex,Andrea Castro, Andrea Villa, Brais, Marieta e Zineb. Traballaron moito e moi ben así que botádelle unha ollada.

26/5/09

Novo blog no noso cole!


A biblioteca do noso cole, Xanela, estrea blog. Lusca, a súa mascota, empeza a facer das súas. Veremos que nos ten preparado!

25/5/09

Os nosos traballos

Aínda que xa hai varias semanas que Isabel Freire estivo no noso cole e que limos o seu libro "Sopa de marsopa", seguro que vos apetece ver aquí os murais que fixestes ao redor da lectura.

18/5/09

Benedetti, o poeta do amor; o poeta do compromiso


Onte pola tarde faleceu, na súa casa de Montevideo (Uruguai), Mario Benedetti, aos 88 anos. Coa súa morte perdemos un dos grandes da literatura. Foron moitos os poemas, contos, ensaios cos que nos agasallou nos máis de 80 libros que escribiu ao longo da súa vida. Déixovos aquí un poema seu:
Chau número tres

Te dejo con tu vida
tu trabajo
tu gente
con tus puestas de sol
y tus amaneceres.

Sembrando tu confianza
te dejo junto al mundo
derrotando imposibles
segura sin seguro.

Te dejo frente al mar
descifrándote sola
sin mi pregunta a ciegas
sin mi respuesta rota.

Te dejo sin mis dudas
pobres y malheridas
sin mis inmadureces
sin mi veteranía.

Pero tampoco creas
a pie juntillas todo
no creas nunca creas
este falso abandono.

Estaré donde menos
lo esperes
por ejemplo
en un árbol añoso
de oscuros cabeceos.

Estaré en un lejano
horizonte sin horas
en la huella del tacto
en tu sombra y mi sombra.

Estaré repartido
en cuatro o cinco pibes
de esos que vos mirás
y enseguida te siguen.

Y ojalá pueda estar
de tu sueño en la red
esperando tus ojos
y mirándote.

10/5/09

Letras Galegas 2009

O vindeiro domingo, 17 de maio, é o Día das Letras Galegas. Vense celebrando dende 1963 e dende entón foron moitos os autores e autoras homenaxeados. Este ano dedícase a Ramón PIñeiro, unha figura histórica do galeguismo do século XX. Na clase iremos iremos investigando a súa biografía. Para empezar a coñecelo, enredade polos enlaces. Tamén podedes consultar a webquest elaborada pola Biblioteca Escolar de Malpica. Ánimo, que seguro que aprendemos unha chea de cousas interesantes. Este vídeo pode ser un bo comezo.

6/5/09

O Sanjurjo na TVG

A reportaxe que fixo a TVG no noso cole foi emitida o martes mentres nós estabamos na clase. Aquí tedes o enlace para poder velo con calma.
agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

4/5/09

Creando wikis!

Xa sabedes que un grupo de alumn@s da clase participan nun concurso da Fundación Telefónica, "A navegar". A idea é crear unha wiki sobre as lecturas que fan habitualmente, os seus autores, ilustradores... Para aprendermos un pouquiño sobre este tema, teremos que enredar polos enlaces e botar unha ollada a este vídeo. Adiante!

30/4/09

Vaia día!!

Hoxe foi un día moi especial no noso cole. A emoción respirábase no ambiente... Ás doce estaba prevista a visita do Alcalde de A Coruña, Don Javier Losada. Viña inaugurar as obras do futuro patio cuberto pero tamén, e non menos importante, para que lle presentásemos a nosa biblioteca, "Xanela" e a súa mascota, Lusca, unha visión libre da coruñesa Torre de Hércules. Recibírono as clases de 5º e 6º que lle leron unha carta de benvida. Na hora que estivo con nós tivo tempo de falar con moitos dos alumnos e alumnas de varios cursos xa que fixemos unha visita polas instalacións. Algúns dos pequenos non o podían crer! Esta noite, ás 21:30 horas podedes ver a reportaxe en Localia. Por certo, logo de presentarlle ao alcalde o noso blog, el tamén nos falou do seu, Blog de Javier Losada


Pero o día non acabou aquí. A continuación, estaba prevista a visita do escritor Fran Alonso, autor do libro "Cidades" que estivemos lendo na clase. Fran leunos moitos dos seus poemas e admirou os traballos que fixeramos ao redor do seu libro. Coma sempre, todos fixeron unha chea de preguntas pero quedaron moitas máis no tinteiro!

Nota: a reportaxe da TVG está prevista para o martes, 5 de maio. Ás 12:30 emitirán un avance e ás 13:20 a reportaxe completa. No programa "A revista". Avisade na casa!

26/4/09

Un agasallo!!


Esta semana recibimos un agasallo dende o blog "Xogos populares", do CEIP Manuel Masdías, o premio "Olha que blog Maneiro". Agradecemos esta mención e poñemonos mans á obra, temos que indicar e seguir as normas do premio que son as seguintes:
  • Dicir o nome do blog que enviou o premio
  • Exhibir a imaxe do premio
  • Indicar os teus dez blogs.
  • Avisar aos indicados.
  • Publicar as reglas.
  • Comprobar que os blogs indicados sigan as reglas.

Nós pasamos o premio a:
Pasiño a pasiño
O blog de aula de Luís
Besbello Tic
Facemos música
Tictictic
La clase de 5ºA
Ensino en galego
bicarelo
Digochoeu!
Pasa páxina

Grazas de novo!

20/4/09

POESÍA, POESÍA,POESÍA!


Este trimestre imos falar de poesía. Empezamos polo libro "Cidades". O seu autor, Fran Alonso, ofrécenos...

5 MOTIVOS PARA LER POESÍA

  1. A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E hai moitos tipos de poesía para que elixamos.
  2. A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, musicar, rapear, declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química que mellora a saúde e o benestar, e relaxa ás persoas. E serve, sobre todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.
  3. Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para sentilos, manosealos, lelos, cerralos, gardalos nun armario, ensucialos, para ligar, poñelos enriba da cabeza, penduralos na parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de papel, ordenalos, metelos na neveira, e lelos coa cabeza máis fría, ou deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando todos se deitaron. Ademais, a poesía cura enfermidades como a impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e algunhas gripes.
  4. A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado, na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.
  5. O importante da poesía non é obsesionarte por descifrala senón saber gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Poetizarse. En fin, facer da poesía un pracer.
E vós... Qué pensades?

18/4/09

Outro blog dende a nosa aula!


Agora é Alex o que nos presenta o seu novo blog. Alex foi dos primeiros da clase en meterse nisto da creación de blogs pero estivo facendo varias probas antes de dalo a coñecer. Agora tráenos "Aprende ben" e xa o seu título di moito das súas intencións. Parabéns, Alex!

3/4/09

E chegou o día... Con Isabel Freire!

Esta mañá todo eran nervios... Era o día previsto para a visita de Isabel Freire. As horas previas á súa chegada foron trepidantes: poñer os últimos carteis, ver que todo estivera no seu sitio, comprobar que tiñamos todos os libros para que os asinara, encuadernar o libro de relatos... En fin, unha chea de cousas por facer! E por fin chegou a hora. Penso que todos disfrutamos da dozura e do bo falar de Isabel; conversamos sobre a súa obra, as súas lecturas, as nosas, a amizade, o noso futuro... Ademais era o primeiro acto oficial na nosa nova biblioteca e penso que non disgustou a ninguén, xa nos contaredes. Isabel, con paciencia infinita, contestou todas as nosas preguntas, asinou todos os libros (tamén os da Biblioteca) e deixounos un cariñoso recordo no libro de visitas que hoxe estreabamos. Moitas grazas, Isabel e moitas grazas tamén a Darío, de Xerais, por argallar a xuntanza.
Ao rematar, a tristeza de pechar unha actividade, un ciclo... Foron moitas semanas traballando neste libro de Isabel e xa se fixera un pouco noso... Pero non vos preocupedes, collede forzas nas vacacións porque á volta nos esperan moitas sorpresas! Mentres tanto, recordade o momento vendo as fotos. Felices vacacións a tod@s!

2/4/09

Feliz aniversario, Andrea e Miguel!


Onte estivo de aniversario Andrea, cumpría 11 anos; e hoxe está Miguel, que cumpre 12. E aquí tedes unha foto de todos nós preparados para traballar na aula, a piques de crear un montón de aventuras do detective Bilbo Bons, personaxe do libro de Isabel Freire.

Parabéns, Andrea e Miguel!

28/3/09

Eu falo, ti falas... Tod@s falamos!

Onte, venres, na clase de 5º, non se fixo outra cousa máis que falar e falar, e falouse de moitísimos temas, tantos como nenos e nenas hai na clase. Cada un deles tiña que falar durante cinco minutos diante de todos os seus compañeir@s sobre un tema escollido libremente, que nervios!
Aínda que todos sabiamos que era para avaliar a capacidade de expresión oral, pouco a pouco a tensión foi dando paso á satisfacción de escoitarnos os uns aos outros e penso que realmente tod@s disfrutamos coa actividade. Os temas foron moi variados: Viaxes, Astronomía, baile, fútbol, racismo, países, música, lendas, fenómenos paranormais... Aquí vos deixo unhas fotos do momento aínda que non hai moitas xa que se me olvidaba facelas pola emoción de escoitarvos. Fixéstelo estupendamente, chic@s, parabéns a tod@s!

23/3/09

Un novo recurso para aprender xogando


Enredando, enredando... Atopei esta páxina con xogos educativos. Ten un pouco de todo e seguro que vos apetece enredar nela. Xa me contaredes!

21/3/09

O principiño, un clásico


Este marabilloso libro, "Le petit prince" no seu idioma orixinal, foi publicado en 1943. O seu autor foi Antoine de Saint-Exupéry. O principiño vive no asteroide B612 no que hai tres volcáns e unha rosa. Pasa os días coidando o seu planeta pero un día decide explorar outros mundos e visita varios planetas onde coñece diferentes personaxes. Un deses países é a Terra... Podedes lelo no enlace da esquerda, só tedes que ir pasando as páxinas. Disfrutade tamén das ilustracións do propio autor.

19/3/09

SOPA DE MARSOPA


Na clase de Lingua Galega, en 5º curso, estamos lendo "Sopa de marsopa" con texto de Isabel Freire e ilustracións de Jon Puga. Ao redor da lectura estamos descubrindo un montón de cousas sobre a autora, o ilustrador e diferentes temas que van xurdindo na historia como as marsopas, detectives famosos, a Atlántida, os cíclopes, detalles sobre cine, as donosiñas, etc.Todo o estamos investigando! Pero sobre todo estamos disfrutando e compartindo a primeira aventura de Bilbo Bons. E ao mesmo tempo ímonos preparando para o gran día xa que está prevista a visita de Isabel Freire ao noso colexio.

17/3/09

Dicionario interactivo de Inglés



Un novo recurso co que seguro que aprenderedes un montón de vocabulario en inglés.

15/3/09

E veña blogs!!


Agora é Andrea Villa a que se mete no mundo dos blogs e faino para investigar sobre diferentes países, cidades, culturas... Eu de vós non lle perdería a pista porque esta rapaza ten moito que dicir. Parabéns, Andrea!

13/3/09

Coñecendo o teclado


Andrea Castro atopou unha páxina na que podedes practicar co teclado e aprender a escribir utilizando todos os dedos. Só tedes que rexistrarvos coa vosa conta de correo e ir practicando pouco a pouco. Iso si, tedes que ser constantes, non mirar o teclado e seguir as instruccións. Nuns días notaredes como avanzades. Veña, moitos ánimos!

10/3/09

Tux Paint


O Tux Paint é un programa de debuxo para rapaces e rapazas de 3 a 12 anos. Ten unha morea de posibilidades ademais de ser moi doado de utilizar. O primeiro que tedes que facer é descargalo no voso ordenador dende a páxina do enlace e logo non queda máis que poñerse a fedellar nel. Asegurádevos de que escolledes a opción axeitada para o voso sistema operativo (windows XP, Vista, linux, etc)

9/3/09

Feliz aniversario, Rebeca!


Hoxe está de aniversario Rebeca, unha compañeira da clase. Cumple once anos. E por facer algo diferente se nos ocorreu facer unha foto dos da clase. Faltan algúns compañeir@s pero xa a repetiremos cando esteamos todos. Feliz aniversario, Rebeca!

6/3/09

A voltas co proxecto de biblioteca... Agora investigamos sobre a muller

Ao redor do Día da Muller Traballadora, no noso cole fixéronse varias actividades. Esta mañá, os adultos que acompañaban aos rapaces e rapazas ao colexio atopábanse cun grupo de nenos e nenas de 6º que lles repartían o lazo da igualdade. Logo, en todas as clases andabamos a facer un traballo sobre unha muller do país que nos toca investigar. A aula de 5º fíxoo sobre Salomé Ureña de Henríquez, unha muller dominicana que, ademais de escribir poesía dende moi nova, foi a fundadora do primeiro centro de ensino superior na República Dominicana.

NOTA: Botade unha ollada á barra da dereita... Tedes algunhas cousiñas novas.

4/3/09

8 de marzo. Día Internacional da Muller Traballadora

O vindeiro 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller Traballadora. Aínda que son moitos os avances no terreno da igualdade, queda moito por facer e é labor de todos, mulleres e homes. Para empezar as actividades ao redor deste día podedes ver o seguinte vídeo, "Binta y la gran idea" , no que unha rapaza senegalesa, Soda, loita polo seu dereito á educación. Ao mesmo tempo o pai de Binta, a rapaza que nos conta a historia, ten unha gran idea. Se queredes saber cal é, teredes que chegar ao final da curtametraxe.. Asegúrovos que é unha idea sorprendente, que nos fará dar volta ao pensamento. Non vola perdades!!

27/2/09

"Mar de estrelas"

Espectacular viaxe submarina polas augas e fondos das rías galegas coma se se tratase dunha viaxe pola galaxia. A maioría das imaxes deste documental protagonizado por polbos, luras, chocos e outras especies, foron gravadas de noite. Outra xoia atopada en flocos.tv. Penso que paga a pena velo!

17/2/09

O traxe típico da República Dominicana



Nestes días nos que todos estamos a pensar a mellor forma de disfrazarnos para ser alguén diferente durante un anaquiño é un bo momento para investigar sobre os vestidos noutros países, noutras culturas... De feito o lema do noso cole para este entroido é "Países do mundo" e tod@s andamos tolos pensando de qué país escoller o noso traxe: árabe, mexicano, hindú, indio... Hai tanto e tan bonito! Na República Dominicana, país de investigación da aula de 5º, tamén teñen un traxe representativo e podedes atopar información sobre éste e o seu creador picando no enlace.

15/2/09

Blog, blog, blog!

Os rapaces e rapazas da nosa aula empézanse a animar a crear os seus propios blogs. Isto marcha! Xa sabíamos que Alex andaba a fedellar no seu "bloguin" e agora é Andrea Castro a que nos invita a visitar o seu, "Tic, tac, toc". Picade nas imaxes e non lles perdades a pista porque de seguro que atoparemos moitas sorpresas. Moitas felicidades e ánimos aos nosos galego-blogueiros!

14/2/09

Un conto de Saramago

Outra marabilla das que podemos atopar en flocos.tv. Un precioso conto de Saramago, "A flor máis grande do mundo"

9/2/09

Procesador de textos en galego


No enlace da imaxe podedes descargar o openoffice en galego no voso ordenador tal como falamos na clase. A instalación é gratuíta xa que se trata de software libre. De tódolos xeitos fixádevos ben nas instruccións e seleccionade o enlace axeitado para o sistema operativo do voso ordenador (linux, windows 98, 2000...). Unha vez instalado, probádeo e se tedes algunha dúbida tomade nota (xa o podedes facer en google.docs) para comentalo na clase. E... A escribir e crear historias!
Botade tamén unha ollada ao apartado "Aprender xogando", tedes un par de cousiñas novas.

26/1/09

30 de xaneiro. Día Escolar pola Non-violencia e a Paz.

Ao redor deste día no cole estamos preparando unha chea de actividades das que iremos dando boa conta. Para aprender máis sobre esta data e por qué se escolleu para conmemorar este día traballamos coa webquest elaborada pola biblioteca do CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos. Tamén podemos ver este vídeo sobre un poema de Celso Emilio Ferreiro, "Irmaus", musicado por Fuxan os Ventos.

19/1/09

Do graffitti á creación literaria

Recordades que estivemos pedindo textos que explicasen a chegada dos alieníxenas ao patio do cole? Pois David envíanos este contiño para que o disfrutemos. Animádevos os demais!
Los Alienigenas Un Dia Normal y Corriente

16/1/09

Arte en galego

Enredando por outros blogs atópanse cousas marabillosas. Unha mágoa que o día non teña máis horas! Ademais hai moita variedade de temas: para xogar, para escoitar, para aprender... E ás veces xúntase todo nunha mesma cousa. Así sucede con este fantástico vídeo no que, a través de personaxes de plastilina, cóntasenos unha historia na que o galego é o principal protagonista. Está baseado nun conto de Frei Martín Sarmiento e os directores son Virginia Curiá e Tomás Conde. Atopeino nunha páxina tamén estupenda sobre o audiovisual galego, cunha morea de posibilidades, www.flocos.tv

14/1/09

A maxia das palabras

Un vídeo precioso sobre a lingua, a comunicación... Atopeino no blog "Bicarelo". Disfrutádeo porque é unha pequena obra de arte.

12/1/09

Xa estamos de volta!

Empezamos o novo ano con ilusión e ganas de aprender. Hoxe estivemos na aula de informática para crear a conta de gmail individual para cada un dos da clase pero tivemos algún problemiña técnico como ben nos conta Andrea, que xa "fixo os deberes" na casa e empeza a enviar cousiñas á conta do blog. Aquí vos deixo as súas palabras.

"Hoxe na aula de informatica a nosa profesora Natalia explicounos como
facer unha conta de correo en gmail. Eu xa tiña gmail, pero os meus compañeiras
non tiñan, e tiña que explicar o gmail; eu tiña que atender igual para saber como funciona. Na aula de informatica non nos ía a paxina de gmail para facer a conta, entón Natalia dixo: ¿que ten odenador con internet na casa? e os que tiveran facían desde a casa a conta porque a profesora explicou como se entraba e como se facia, para facela na casa. Ao final a ella funcionoulle o gmail, pero era demasiado tarde e era a hora do recreo. Vaia día que tivemos na aula de informática!" (Andrea Castro)