29/11/09

Presentacións con openoffice

Estes días estamos traballando coas presentacións de diapositivas nas clases. Na aula estamos utilizando o powerpoint que é de microsoft pero moitos de vós na casa ( e tamén nalgúns ordenadores do cole) tedes o impress de openoffice. Aquí tedes un sinxelo titorial para aprender a utilizalo.

20/11/09

Día dos dereitos da infancia

Vaia sorpresa! Entro en Enredando coa idea de facer unha entrada sobre este tema e resulta que teño un correo de Andrea Castro invitándome a entrar no seu blogue, "Tic, tac, toc". Vou e... Atopo o traballo feito! Así dá gusto!
Esta mañá, na clase de galego, estivemos vendo un vídeo (nas entradas antigas de Enredando) e lendo un texto sobre os dereitos dos meniños e meniñas. Pois Andrea xa se adiantou e puxo todo no seu blogue. Só tedes que ir alí e ler toda a información.
Para ver o enlace do curso pasado, podedes ir a "etiquetas" na barra da dereita deste blogue e picar sobre "nenos" ou "dereitos", tal como explicamos na clase.

12/11/09

Enquisa sobre a utilización dos medios


Esta maña tivemos algo especial no cole e quero felicitarvos polo voso excelente comportamento durante a actividade. Alba e Miguel, traballando para a Universidade de Vigo, viñeron facer unha enquisa sobre a utilización que facemos dos medios audiovisuais. Están facendo a enquisa en moitos coles da cidade e agora comezarán con algún dos arredores. A verdade é que a actividade nos veu moi ben porque era un tema que xa traballaramos hai unhas semanas na aula e xa de aquela viramos que pasabamos demasiadas horas diante do televisor, por poñer un exemplo, e o que é peor, dándonos igual o que poñan, ver a televisión por aburrimento. Non se nos ocorrerán mellores cousas en que empregar o tempo? É posible outra forma de ver a televisión? Aportade as vosas ideas, por favor.
En canto á enquisa esperamos ver os resultados!

10/11/09

Blogue en inglés


Unha profe de inglés, Luz Pérez, do CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo ten un blogue moi interesante para traballar cos seus alumnos. Penso que vos poden ser útiles moitos dos seus enlaces ademais de que poderedes practicar a lectura nesa lingua. Aquí tedes o enlace.

5/11/09

Día do Peón


O vindeiro 11 de novembro celebraremos no cole o Día do Peón. Recordades o ben que o pasamos o ano pasado? Para que vos vaiades poñendo en situación aquí vos deixo este enlace. Non vos perdades o vídeo sobre a elaboración do peón, é moi interesante.

3/11/09

O son da chuvia

Nestes días de outono, que aínda que preguiceiro vai chegando, dá gustiño quedar na casa e escoitar o son da chuvia petando nas ventás. Xa... Xa sei que aínda non chove moito!! Pois disfrutade deste vídeo. Se pechades os ollos e escoitades tal parece que caen chuzos! Pero mirádelo tamén outra vez cos ollos ben abertos porque é unha marabilla.