16/3/11

Vai de falar...

Xa estamos metidos de cheo noutra actividade. Estes días andamos a preparar unha exposición oral. O tema seremos nós mesmos! Para axudarnos na nosa presentación utilizaremos as TIC´s (Tecnoloxías da información e Comunicación). Todos os rapaces e rapazas da clase andan na procura de imaxes que falen deles mesmos: da súa vida, dos seus desexos, das súas inquedanzas... Cando as teñades listas tedes que montar unha pequena presentación de diapositivas para a que podedes utilizar o powerpoint ou o openoffice.impress tal como vimos na aula.
Recordade que a exposición ten que ser en galego e durar entre 4-6 minutos. Practicade na casa!
Tamén é unha boa ocasión para que os pais e nais, avós, tíos, etc, pasedes un tempiño compartindo recordos, risas e traballo. Axudade aos vosos fillos a seleccionar as imaxes e a preparar o que poden contar, seguro que disfrutaredes!
E ollo!! O luns empezamos coas presentacións!

1/3/11

Imos de Entroido!



Xa chega o tempo das máscaras, dos choqueiros, dos peliqueiros, dos cigarróns... Na Coruña, en Laza, en Verín... En toda Galiza se respira xa o ambiente de festa! Pero o entroido é moito máis ca iso, ten a súa historia, e iso é o que imos aprender e investigar estes días na aula, aprender do pasado para mellorar o noso presente, o noso futuro.

Para facelo imos utilizar unha "caza do tesouro" elaborada polo CEIP Mestres Goldar de Vigo, "O entroido tradicional galego". Tomade boa conta das instruccións!

Cando rematedes podedes comprobar o que aprendestes no seguinte cuestionario en liña.
Nota para as familias: o traballo de investigación estase a facer na clase. Á volta das vacacións de Entroido teñen que traer o traballo rematado tal como se lles explicou.

ÁNIMO!

10/2/11

A auga dos bosquimanos


Como podedes ver nesta noticia de hai uns días, o problema da auga non é cousa do pasado, mirade o que lles pasa aos bosquimanos. Lédea con atención, tamén a traballaremos na aula.


19/1/11

O proxecto da biblio

Estes días estamos empezando a traballar no proxecto da biblioteca do noso cole. Xa sabedes que o tema é a auga. Na nosa clase traballaremos "A auga na literatura". Polo de agora estamos na procura de substantivos, adxectivos e verbos que teñan relación coa palabra "auga". Xa temos unha morea deles. Proximamente veremos de facer unha wiki con todo o traballo. Polo de agora tedes que ir buscando máis palabras e tamén todos aqueles poemas e contos nos que se fale da auga.
A semana que vén conmemórase tamén o Día Internacional da Paz e Non-Violencia e relacionándoo co tema do proxecto traballaremos o conflicto da auga no mundo. Non todos os países nin zonas xeográficas teñen a mesma sorte en canto ao reparto deste ben tan preciado. Neste enlace podedes ver as dificultades que teñen algúns pobos para acceder á auga potable
Polo de agora... Qué vos parecen as actividades que estamos a facer? Tedes algunha idea? Deixade os vosos comentarios.
Para empezar podemos ver este vídeo:

22/12/10

Bo Nadal!


Disfrutade destes días e collede moitas forzas para o ano que entra. Teremos moito que facer! Aquí vos deixo a felicitación de Nadal do centro, a imaxe é a postal gañadora de Educación Infantil de 5 anos, feita por Sofía Sanmiguel. A montaxe é grazas á profe Ana, da mesma clase.

30/11/10

Luces, cámara... Acción!!!

Aquí tedes as fotos do día da reportaxe para televisión. Foi unha boa experiencia. Tivemos na aula a Xan Leira, director da canle de TV por internet linguagalega.tv, e o cámara David (sinto non recordar o apelido). Fixeron unha reportaxe sobre cómo traballamos as TIC (Tecnoloxías da información e a comunicación) na aula. Tamén falamos do premio conseguido polos alumnos e alumnas do curso pasado coa súa wiki sobre a contorna da Torre de Hércules.
Deixade os vosos comentarios sobre a actividade!

26/11/10

Por fin... Os premios!

Unha ocasión estupenda para reunirmos de novo. O grupo de alumnos e alumnas premiado na pasada edición do Certame Educared A Navegar estivo no cole para recoller os seus premios. Foi unha xuntanza cariñosa e alegre como ben podedes ver nas fotos. Cada alumno levou un tablet PC e un diploma acreditativo da súa participación no Certame.
Noraboa a todos de novo! E xa sabedes, cando queirades... Aquí nos tedes!

25/11/10

25 DE NOVEMBRO. DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Hoxe, 25 de novembro, é o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Esta data foi aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999 a proposta da República Dominicana co apoio de sesenta países. O motivo que levou á República Dominicana a propoñer este día foi o terrible asasinato das irmás Mirabal que tivo lugar o 25 de novembro de 1960 por orde do dictador dominicano Trujillo.
Actualmente son moitas as mulleres que sofren violencia de xénero e moitas acaban mortas. Non hai máis que ver a prensa, a televisión ou a radio para comprobar que é un problema real e grave. Todos e todas temos a obriga de facer o posible para erradicar este cancro da sociedade. Un primeiro paso é facermos conscientes do problema e para iso nada mellor que estar informados. Enreda polos enlaces (a imaxe do lazo e as palabras subliñadas) e atoparás moitos datos.

17/11/10

Charla sobre a natureza.

Esta mañá estivo Miguel López na nosa clase para falarnos da natureza en Galicia. Miguel é o pai do alumno da clase do mesmo nome. Foi unha sesión que durou hora e media pero no por iso decaeu o interese da clase. Miguel falounos da paisaxe de Galicia, de cómo vivimos nun sitio moi especial e moi valorado en todo o mundo. Tamén de cómo a man humana modifica esa paisaxe. Aprendimos unha chea de cousas sobre a vexetación e a fauna da nosa terra. Incluso vimos cómo algunhas especies de flora que están en perigo de extinción en Europa, sobreviven en abundancia aquí.
Os nenos e nenas amosáronse moi interesados en todo o que nos contou e como había moitas máis cousas das que falar quedamos en celebrar outra xuntanza semellante.
Moitísimas grazas, Miguel, por compartir os teus coñecementos con nós!

11/11/10

Taller de mecanografía para nenos e nenas

Moitas veces temos falado da importancia que ten que aprendades a "teclear con todos os dedos" no ordenador. Moitas veces tamén o imos deixando e, a pesar de que temos programas instalados nos ordenadores do cole para practicar, non os utilizamos por preguiza ou falta de tempo.
Agora Ciberalia nos presenta unha oportunidade estupenda cun curso especialmente deseñado para nenos e nenas de 10 a 12 anos. Ciberalia é unha aula da Caixa Galicia que está na avenida Finisterre, adicada á formación en novas tecnoloxías. É certo que pilla un pouco lonxe do noso barrio pero penso que paga a pena. Faládeo cos vosos maiores a ver se se animan! E ten un custo moi económico!

2/11/10

APRENDENDO A NAVEGAR


Sempre que falamos das novas tecnoloxías (no tan novas xa), especialmente de internet, todos os pais e nais expoñen os seus medos a que os seus fillos manexen contidos non axeitados ou non saiban cómo comportarse neste medio. Como sempre o máis importante é o diálogo cos nenos e nenas para que saiban manexar esta ferramenta. Non serve de nada prohibir, o que temos que facer é educar no bo uso.

Atopei este blogue grazas ás compañeiras de Bibliotecas Municipais, Menores en red. Atoparemos consellos moi útiles e algúns instrumentos que poden servir de base para unha boa charla cos nosos rapaces e rapazas.

19/10/10

Xa recollimos o premio!




O pasado venres estiven en Madrid, invitada pola Fundación Telefónica para recoller o premio do XI Certame Educared. Recordade que un grupo de alumnos e alumnas de 6º do curso pasado elaboraron unha wiki sobre a contorna da Torre de Hércules pola que obtiveron o segundo premio do Certame.
O venres os docentes galardonados asistimos a varias sesións de formación sobre o uso de novas tecnoloxías e tamén participamos na gala de entrega de premios.

Hoxe sae a noticia tanto na Voz de Galicia como na Opinión de A Coruña. Picade nas imaxes para lelas.
Aquí vos deixo tamén o vídeo de presentación da gala,

Outros materiais (fotos, montaxes...) compartidos por asistentes á gala:
presentación collage
fotos
Máis fotos

20/9/10

UNHA NOVA ETAPA!


Uns rematan e outros comezan...

En xuño despedimos aos alumnos e alumnas de 6º, cos que se iniciou este blog. Houbo moitas lágrimas, non querían marchar! Pero tamén houbo moita alegría porque, entre outras cousas, marcharon coa noticia de ter gañado o 2º premio do Certame Internacional Educared no que participamos coa wiki "A contorna da Torre de Hércules".

Agora en setembro iniciamos nova andadura cun novo grupo, os rapaces e rapazas de 5º, todos eles con moitas ganas de aprender, de ler, de coñecer... De enredar!

Aquí os tedes para que os vaiades coñecendo.

14/4/10

CERTAME EDUCARED A NAVEGAR

Logo do éxito do curso pasado na edición do Certame Educared este ano non podíamos quedar sen concursar. Recordades a nosa wiki Xanelas? Canto deu que falar!
Este ano voltamos participar na modalidade de wiki. O tema será "A contorna da Torre de Hércules", xa que éste é o proxecto que estamos a traballar a través da nosa biblioteca escolar. Os nenos e nenas que configuran o equipo de traballo son David, Sara, Silvia, Rebeca, Dailin e Andrea Vázquez de 6º curso. Moitos ánimos para todos eles!

15/3/10

Novidades no blogue


Temos un apartado novo no noso blogue: un blogue auxiliar! Si, si, lestes ben, un blogue auxiliar. Neste novo espacio iremos "colgando" todos aqueles traballos dixitais que facedes na aula para que todos os poidamos ver. Chámase "Os nosos traballos". Tedes o enlace na barra da dereita e tamén no blogue da bibliteca.
Idea vista no "Blog de aula de Luis"